« O músico Francisco Liñeiras Croián, «Fuco de Tarrantanteiras III, O Fusas», avoengo de tamborileiros, estirpe de labradores, naceu e morreu soterrado baixo un loureiro comesto polo bicharío, coma toda a súa familia, no lugar de Bentroia, na parroquia de Larín en Arteixo. Infacia na aldea ao carón dos bois e dúas visitas á Cruña: unha a pé, pra mercal-o traxe da comunión, e outra en trole, escoltado, pra arranxar a documentación pra ir á guerra.
Despois de dous meses na fronte de Asturias tocando marchas praos nacionais, onde probou o café de pota por primeira vez (cando non achicoria requecida), voltou tanxendo o tamboril máis rápido ca ninguén na volta. Trocou o coiro, máis un ferrado de trigo seco limpo de palla, por unha caixa metálica e alá che marchou prao Brasil. Aló adeprendeu os ritmos dos negros da favela e ao seu regreso, des anos despois e unha maleta máis das que levara, renovou o conceuto da percusión tradicional galega cunha grande aportación de novos rudimentos. Xente rudimentaria ésta.
Seica foi antolóxica unha peza que interpretou na feira de Peisaco diante do gobernador civil e o bispo de Compostela, unha partitura da súa man onde mesturaba a muiñeira con bebop e proto-afrojazz. Ou algo semellante. Segundo lle sentín a un feirante greleiro foi o máis sorprendente que acolá tinha visto: “Saíalle fume dos paus!”. Chegoulle a morte de infarto poucos anos máis tarde, coa primeira televisión. Hoxe o seu legado está perdido, ren de ren na Galipedia. Foi caendo a casa e medraron as silveiras e o vellío. Disque quedou un fillo nas américas, de nome ‘o mulato’, mais iso xa é outro falar i eu destes runrún sempre desarredo. »

Otras literaturas
Santalices e o pauto coa gaita
Fragmentos Insípidos











